O xogo heurístico é unha actividade por medio da cal se estimula o descubrimento e a experimentación dos nenos e nenas durante a primeira etapa da infancia. Esta proposta consiste na interacción dos infantes con diferentes tipos de obxectos, formas e materiais de diversas características. Así mesmo, é moi importante que os infantes sexan os protagonistas do proceso de aprendixaxe e experimentación polo que o adulto debe limitarse a observar como a crianza manipula os diferentes elementos.Para a realización deste xogo precisaremos dun espazo que permita o movemento no espazo, apartando posibles obstáculos que impidan o desprazamento dos cativos/as e no cal haxa un clima agradable e tranquilo. Así mesmo, colocaremos tres ou catro recipientes cóncavos, sólidos e fáciles de manipular por todo o espazo dispoñible, nos cales se recolectarán os diferentes tipos de obxectos. Por outra banda, precisaremos bolsas de tea, unha por cada tipo de material que vaiamos a empregar durante o xogo, estas serán organizadas e manexadas coa axuda dun adulto. Por último, os obxectos que empregaremos deben ser obxectos cotiás que poidamos atopar pola casa, deberán ter diferente orixe (naturais, comprados, fabricados...). Así mesmo, os materiais que podemos empregar neste xogo poden ser: teas, cartón, corcho, cunchas, pequenas pezas de madeira, follas, pinzas, palliñas, tapóns ou diferentes elementos de uso cotiá que non sexan perigosos á hora de manipular por un infante.
A primeira fase da proposta é a fase preparatoria onde o adulto prepara o material no espazo de xogo. Máis tarde, debe seleccionar os diferentes materiais sensoriais e elixir os recipientes nos que se organizarán estes. Logo, distribúense os materiais agrupados segundo as súas características e cualidades nos contenedores postos no chan.
A segunda fase do xogo é na cal se explora as características dos materiais. Asemade, os infantes deberán ir experimentando cos obxectos que se distribuíron no espazo, combinando e explorando de xeito autónomo as diferentes cualidades que caracterizan a cada obxecto. Nesta fase, os nenos e nenas irán emparellando, abrindo e cerrando obxectos, xirando, encaixando ou apilando os diferentes materiais.Por último, a terceira fase é a de recollida, na cal se terán que clasificar e organizar os materiais nas bolsas correspondentes. Nesta etapa o adulto irá facilitando o nome das cualidades, guiando deste xeito a adquisición de novas palabras e a organización dos elementos segundo as súas características.



Comentarios
Publicar un comentario