Amasando!


Na primeira etapa de Educación Infantil, as crianzas teñen a necesidade de experimentar e descubrir novas sensacións a través da manipulación dos obxectos e da recollida de información a través dos sentidos. Debido a isto, é importante darlles as ferramentas adecuadas para que poidan experimentar de xeito autónomo a través de diferentes materiais ou elementos.
A actividade que vos presentamos a continuación consiste na elaboración de masa caseira para que os nenos e nenas poidan moldeala e manipulala como se lles antolle. É importante que o cativo/a presencie o proceso de elaboración da masa, axudando ao adulto a engadir ingredientes e observando todo o proceso de creación da masa.
Para elaborar a masa precisaremos soamente tres ingredientes básicos: fariña, auga quente e sal gordo. Unha vez conseguidos estes tres elementos procederemos a mesturalos da seguinte maneira: 
1. Botamos unha pouca fariña nun recipiente cóncavo (bol).  
2. Botamos auga quente noutro recipiente (unha xerra por exemplo) e máis tarde engadimos nesta unha cuchariña de sal gordo, remexendo ben a auga para que se disolva o sal.
3. Vamos engadindo a auga (pouco a pouco) na fariña e vamos remexendo coas mans ou cun utensilio de cociña para que se vaia facendo a mestura. 
4. Cando vexamos que temos suficiente auga en proporción a fariña podemos ir amasando coas dúas mans ata conseguir unha mestura espesa (masa).
As cantidades de cada ingrediente dependen da cantidade de masa que se vaia a facer, pero, en cada caso, poderán realizarse a ollo pois non precisamos cantidades exactas para realizar a masa con esta finalidade.
  • Se contades con colorante na casa podedes engadilo na auga quente, xa que deste xeito a masa sairá da cor do colorante. Ademais, se contades con colorantes de diferentes cores podedes facer varios tipos de masa segundo a cor.


Comentarios

Entradas populares de este blog

Five little ducks

Día del libro!

Cotidiáfonos - Maracas